O BON EXEMPLO, de Vicente Riva Palacio
Se afirmase que vin o que vou contar, non faltaría, sen dúbida, persoa que dixese que iso non era verdade; e tería razón, que non o vin, pero o creo, porque contoumo unha señora anciá, referíndose a persoas a quen daba moito crédito e que dicían habelo oído de quen levaba amizade cunha testemuña fidel, e sobre tales bases de certidume ben pode darse fe á seguinte narración:
Na parte sur da República mexicana, e nas vertentes da Serra Nai, que van perderse nas augas do Pacífico, hai unha aldeiña como son, no xeral, todas aquelas: casiñas brancas cubertas de acesas tellas ou de brilantes follas de palmeira, refuxiándose dos ardentes raios do sol tropical á fresca sombra que lle prestan os direitos cocoteiros, copudos tamarindos, rinxintes platanares e xigantescos cedros. A auga, en pequenos regatos, cruza reloucando por todolos rueiros, e atobándose, ás veces, entre macizos de froles e de verdura.
Nese pobo había unha escola, e debe habela aínda; pero entón a rexía don Lucas Forcida, personaxe moi ben querido por todos os veciños. Xamais faltaba ás horas de costume ao cumprimento da súa pesada obrigación. ¡Que vocacións de mártires precisan os mestres de escola dos pobos!
Nesa escola, seguindo tradicionais costumes e uso xeral naqueles tempos, o estudo para os moz@s era unha especie de orfeón, e en diferentes tons, pero sempre con desesperante monotonía, en coro estudábase e en coro cantábanse, o mesmo as letras e as sílabas, que a doutrina cristiá ou a táboa de multiplicar.
Don Lucas soportaba con heroica resignación aquella ópera diaria, e había veces que os mozos, entusiasmados, gritaban a cal máis e mellor; e era de ver entón a estupidez amoldando as faccións da simpática e honrada cara de D. Lucas.
Daban as cinco da tarde; os mozos saían escapados da escola, tirando pedras, coleando cans e dando gritos e silbidos, pero xa fora das augas xurisdiccionais de D. Lucas, que ollabaos alonxarse, como diría un novelista, trémulo de ledicia. Entón D. Lucas pertencíase a si mesmo: sacaba á rúa unha gran butaca de mimbre; un criadiño traíalle unha cunca de chocolate acompañado dunha gran torta de pan, e D. Lucas, gozando do fresco da tarde e recibindo na súa calva fronte o ventiño perfumado que chegaba dos bosques, como para consolar aos veciños das fatígas do día, comezaba a despachar a súa modesta merenda, partíndoa cariñosamente co seu loro.
Porque D. Lucas tiña un loro que era, como se di hoxe, a súa debilidade, e que estaba sempre nunha percha á porta da escola, a respetable altura para escapar dos raparigos, e ao abrigo do sol por un pequeno cobertizo de follas de palma. Aquel loro e D. Lucas entendíanse perfectamente. Raras veces mesturaba as súas verbas, máis ou menos ben aprendidas, cos cantos dos nen@s, nen aumentaba a algazara cos gritos estridentes e desentonados que aprendera no fogar materno. Pero cando a escola quedaba deserta e D. Lucas saía a tomar o seu chocolate, entón aqueles dous amigos daban expansión libre a todos os seus afectos. O loro percorría a percha de arriba a abaixo, dicindo canto sabía e canto non sabía; restregaba con satisfacción o seu pico nela e colgábase das patas, cabeza abaixo, para recibir a sopa de pan con chocolate que con paternal agarimo leváballe D. Lucas. E isto pasaba todas as tardes.
Transcorreron así varios anos, e D. Lucas chegou a ter tal confianza do seu querido “perico”, como lle chamaban os raparigos, que nin lle cortaba as ás nin coidaba de poñerlle calza.
Unha mañá, serían como as dez, un dos mozos, que casualmente estaba fora da escola, gritou abraiado:
-¡Señor mestre, que se voa “perico”!
Escoitar isto e lanzarse en precipitado tumulto á porta mestre e discípulos, foi todo un; e, en efecto, de lonxe, como un gran de esmalte verde ferido polos raios do sol, víase ao ingrato esforzando o seu voo para gañar canto antes refuxio no bosque próximo.
Como toda persecución era imposible, porque nin aínda tendo a filiación do prófugo podería distinguirse entre a multitude de loros que poboan aqueles bosques, don Lucas, lanzando do fondo do seu peito un “sexa por Deus”, volveu ocupar o seu asento, e as tarefas escolares continuaron, coma se non rematase de pasar aquel terrible acontecemento.
Transcorreron varios meses, e D. Lucas, que votara ao esquecemento a ingratitud de “perico”, tivo necesidade de emprender unha viaxe a un dos pobos circunveciños, aproveitando unhas vacacións.
Moi de madrugada encadeirou o seu cabalo, tomou un lixeiro almorzo e saíu do pobo, despedíndose moi cortesmente dos poucos veciños que polas rúas atopaba.
Naquel país, pobos próximos son aqueles que só están separados por unha distancia de doce ou catorce leguas, e D. Lucas precisaba camiñar a maior parte do día.
Eran as dúas da tarde; o sol derramaba torrentes de lume; nin o vento máis lixeiro axitaba os penachos das palmas que se debuxaban sobre un ceo azul coa inmovilidade dunha árbore de ferro. Os paxaros enmudecían agochados na follaxe, e só as cigarras cantaban teimudamente no medio daquel terrible silencio do mediodia.
O cabalo de D. Lucas avanzaba, facendo soar o acompasado golpeteo das súas pisadas coa monotonia do volante dun reloxo.
Repentinamente, D. Lucas creu oír de lonxe o canto dos nenos da escola cando estudaban as letras e as sílabas.
Ao principio aquilo pareceulle unha alucinación producida pola calor, como esas músicas e esas badaladas que no primeiro intre cren oír os que sofren de vértigo; pero, a medida que avanzaba, aqueles cantos ían sendo máis claros e máis perceptibles; aquilo era unha escola no medio do bosque deserto.
Detúvose asombrado e medorento, cando das árbores próximas desprendeuse, tomando voo, unha bandada de loros que ían cantando acompasadamente: ba, be, bi, bo, bu; la, le, li, o, lu; e tras eles, voando maxestuosamente, un loro que, ao pasar preto do espantado mestre, volveu a cacholiña, decíndolle alegremente:
-¡Don Lucas, xa teño escola!
Desde esa época os loros daquela comarca, adilantándose ao seu século, viron disiparse as sombras do oscurantismo e a iñorancia.
Escrito por Vicente Riva Palacio
