O POMBEIRO, UN SINDICALISTA DE CRUÍDO ASASINADO

XOSÉ ROMERO TUBÍO

No amencer do 16 de setembro de 1936 foi asasinado o primeiro presidente do Sindicato Agrario de Oficios Varios de Cruído (Lousame). Ese fora o día sinalado por un comando de falanxistas para matalo.
Xosé Romero Tubío nacerá en 1897 na aldea de Cerquides. Despois dun curto paso pola escola comezou a realizar as tarefas de labranza que facían os seus irmáns. Máis tarde traballa de fragueiro. Foi cando coñeceu a unha moza da aldea de Cruído, Xoana Martínez Blanco. O noivado transformaríase en matrimonio en 1922. Pero, como as condicións de traballo non eran boas, o protagonista desta historia emigraría a Cuba.
Será á volta da aventura atlántica cando este obreiro, que coñecera no Caribe unhas novas condicións profesionais, comece a participar activamente na renovación política agromada dende a Segunda República.
Froito deste compromiso fundaría o sindicato adherido á CNT. Naquel intre O Pombeiro vivía na aldea de Cruído coa súa dona e os tres fillos: Francisco, Xosefa e Xosé. Xa non traballaba de fragueiro porque conseguirá un posto como capataz de obras nas estradas.
Foi nesta tarefa cando protagonizou varias accións salientables: liderou algunha folga contra os contratistas, conseguiu que as mulleres votasen nas eleccións de 1933 e enfrontouse cos sectores máis reaccionarios do seu concello. As súas accións non pasarían desapercibidas para os representantes da Acción Popular e a Xuventude Católica.

Defensa da legalidade

No golpe de Estado, O Pombeiro trasladouse cos mineiros de San Finx a Santiago e A Coruña para defender a legalidade. Fracasado o intento de sufocar a rebelión fascista comezou a vivir en continuo estado de alerta ante a posibilidade de que os seus rivais políticos atentasen contra a súa vida. Axiña comezaron as chamadas e rexistros; tirouse ao monte. Ao decatarse de que as accións represivas da Garda Civil e a Falanxe eran cada día máis perigosas, decidiu partir de novo para América. De acordó coa súa dona viu no exilio a posibilidade de salvar a vida. Unha decisión dura, pero inevitable no labirinto que o cinguía.
Unha noite preparou a maleta e partiu polo monte para coller o autobús que o levaría ata Vilagarcía. Uns días despois chegaba á súa casa unha amarga noticia: fora detido e trasladado ao cárcere do Espirito Santo de Noia. A nova situación alertou á familia que realizou todo tipo de xestións para liberalo. Pero, na noite do 15 ao 16 de setembro de 1936, cando se atopaba na cela da prisión, un pelotón de falanxistas petou violentamente na porta.

Xuíz desaparecido

Baixo o pretexto de facer unha declaración ante o xuíz, que desaparecera misteriosamente da vila, foi conducido nun Ford ata Porto do Son. A carón da estrada, nun lugar coñecido como O Balo, detiveron o taxi para rematalo. Como era unha persoa coñecida, ninguén se atreveu a emprender a derradeira acción. O revólver seleccionado estaba preparado. Só faltaba o dedo que apertase o gatillo. Nese terrible intre chegou outra patrulla de falanxistas. O arma cambiou de man e cunha impresionante frialdade un desalmado accionou o gatillo. Sen piedade. Quen o fixo, disparoulle na escuridade pero véndolle os ollos a O Pombeiro. Quen lle disparou realizouno con saña e brutalidade.
Logo do vil crime, os asasinos emprenderon a fuxida naquela noite tráxica do 16 de setembro de 1936. Aquel era o primeiro paseo realizado polos falanxistas de Noia e Lousame. Os seus desexos de vinganza non quedarían satisfeitos. Cometerían máis asasinatos.

Autor do artigo: Xerardo AgraFoxo.
Publicado: “Barbantia”, separata da Asoc. Cultural Barbantia, distribuido co periódico “La Voz de Galicia”, do 24 / 11 / 2006.

Deixe a súa opinión

Debe estar identificado pra facer un comentario.